Un Gran Poder Leva Unha Gran Responsabilidade

ADRIÁN GONZÁLEZ GARCÍA. Se estás a ler este artigo terás coñecemento dos efectos do picudo vermello sobre as palmeiras canarias en Galicia. Pero, por que este vexetal é incapaz de defenderse deste insecto?

Viaxemos á terra de orixe do picudo vermello, o sueste asiático, onde se alimenta dos cocoteiros. O cocoteiro e a palmeira canaria pertencen á mesma familia, na cal tamén se atopa a palmeira dactilífera entre outras. Dado que todas estas plantas son parentes próximos, se un organismo é capaz de parasitar unha delas, moi probablemente poderá facer o mesmo coas demais.

Algo semellante sucede coa nosa especie e co resto de primates que, debido a que nos parecemos, temos en común unha serie de enfermidades, coma os piollos, que tamén atacan aos chimpancés, ou o virus da SIDA, que se orixinou no mono rhesus.

O picudo vermello inicialmente afectaba aos cocoteiros, pero grazas ao comercio entrou en contacto con outros vexetais da mesma familia. Primeiro estendeuse polo sur de Asia e ao Oriente Medio, onde atacou as palmeiras dactilíferas, outra especie moi comercializada que favoreceu aínda máis a súa dispersión. Finalmente, a principios da década de 1990 detectáronse en Andalucía as primeiras palmeiras canarias afectadas en España, e en tan só 10 anos estendeuse por toda a costa levantina. En Galicia os primeiros casos apareceron no 2014 en Gondomar.

Pero, por que o cocoteiro é quen de manter máis ou menos controlado ao picudo vermello e a palmeira canaria non?

Probablemente o picudo descende dalgún escaravello do sueste asiático que se alimentaba de outro vexetal e que a través dunha ou varias mutacións foi capaz de alimentarse dos cocoteiros. Ao principio faríao de forma moi ineficiente, pero co tempo, a evolución iría seleccionando aqueles individuos mellor adaptados a este fin. Así, teríase orixinado este insecto parasito altamente especializado en atacar cocoteiros e outras especies próximas.

Pero ao mesmo tempo que o picudo ía perfeccionando o seu ataque, a evolución iría seleccionando aqueles cocoteiros con mecanismos de defensa cada vez máis eficaces. Ademais, tamén por evolución, irían aparecendo animais que se alimentasen do picudo. É dicir, o cocoteiro tivo tempo de adaptarse ao picudo cando este aínda non era moi eficaz.

Pero as palmeiras canarias nunca tiveran contacto con este insecto, polo que carecen totalmente de defensas ante el, e no ambiente no que viven non existen animais que o coman. Que sucederá cando un parasito altamente especializado chega a un lugar no que non ten depredadores e si ten vexetais moi parecidos aos que parasita, que carecen totalmente de defensas?

Probablemente, co tempo, a palmeira canaria desenvolverá mecanismos de defensa e en Galicia aparecerá algún animal que se alimente do picudo. Pero ese tempo poden ser centos ou miles de anos e o picudo está a demostrar ser demasiado eficaz. Así pois, xa que nós, a través do “poder” do comercio, somos os responsables desta praga, debería de ser tamén a nosa responsabilidade botarlle unha man ás palmeiras canarias.

Anuncios