Unha Xoia Natural Ameazada

ADRIÁN GONZÁLEZ GARCÍA. A palmeira canaria é un endemismo das Illas Canarias; orixinouse alí e só a podemos atopar de forma natural neste arquipélago. Tanto é así que se converteu nun símbolo de identidade para os canarios.

Pero como apareceu a palmeira canaria? Por que só a atopamos alí?

Hai uns 145 millóns de anos, os dinosauros mandaban na Terra e o mundo vexetal estaba dominado por especies sen flores nin froitos auténticos. Eran plantas semellantes aos pinos e a curiosas especies actuais coma o Ginkgo. Entón apareceron as anxiospermas, plantas con froitos auténticos que encheron o mundo de cores coas súas flores. O seu éxito foi tal, que a inmensa maioría dos vexetais que atopas cando saes ao campo pertencen a este grupo. A palmeira canaria é unha delas.

As sementes destas plantas conteñen un embrión que, polo xeral, presenta unha raíz, un talo e dúas follas en miniatura ou cotiledóns. A próxima vez que comas un cacahuete ábreo; as dúas partes que se separan son as follas embrionarias e a pequena peza que atopas entre ambas na súa parte superior, son a raíz e o talo embrionario.

Pero na palmeira canaria isto non é así. Ao pouco de aparecer as anxiospermas, dentro delas orixinouse un grupo cunha serie de particularidades, a máis importante das cales era que os seus embrións só presentaban unha folla embrionaria ou cotiledón, razón pola cal se denominan monocotiledóneas.

As palmeiras pertencen á familia de monocotiledóneas máis antiga que se coñece, as arecáceas, e isto nos indica que, probablemente, a partires delas se orixinaron todas as demais, como as orquídeas, cuxas flores son das máis bonitas da natureza, ou as gramíneas, entre as que se atopan os cereais e a inmensa maioría das herbas e a cuxo pole son alérxicas moitas persoas.

A familia das palmeiras acadou a súa máxima diversidade na era dos dinosauros. Na actualidade é un grupo reducido, cuxos principais representantes, coma o cocoteiro ou a palmeira dactilífera, viven en zonas tropicais.

            O nome científico da palmeira canaria (Phoenix canarienis) e o da palmeira dactilífera (Phoenix dactylífera) comezan pola mesma palabra (Phoenix). Isto indica que pertencen ao mesmo xénero, algo así coma se fosen irmáns evolutivos.

Na actualidade, as 14-18 especies de palmeiras deste xénero viven entre Asia tropical e o norte de África, atopando nas Illas Canarias o seu límite de distribución.

Nalgún momento do pasado, unha especie do xénero Phoenix chegou ás Illas Canarias dende o norte de África, e co tempo adaptouse ás condicións deste arquipélago, orixinándose así a palmeira canaria.

A próxima vez que te atopes cunha palmeira canaria, recorda que pertence a unha orgullosa e antiga liñaxe de plantas que conviviu cos dinosauros, que son o máis parecido aos avós dos cereais que tomas pola mañá e que se trata dunha especie única no mundo que ti tes o privilexio de contemplar cando paseas pola túa cidade.

Esta planta tan peculiar está sendo ameazada por unha praga. Non che parece que deberíamos de facer algo?

Anuncios